Saturday 27 de April de 2024

Miño aproba a habilitación de financiamento para executar a ampliación e mellora de ‘A Ceboliña’


• A proposta para a modificación orzamentaria do plan de mellora no centro educativo foi aprobada en sesión plenaria cos únicos votos do grupo de goberno

• A actuación no centro educativo responde as demandas veciñais e supoñerá a ampliación e redistribución das súas dependencias así como melloras na accesibilidade.

O Concello de Miño aprobou na sesión plenaria celebrada no día de hoxe a habilitación de financiamento para levar a cabo o demandado proxecto de ampliación e mellora da escola infantil ‘A Ceboliña’.

O custo total da actuación ascenderá a 105.179,04€ dos cales o Concello de Miño achegará 65.179,047€ e o montante restante será abonado pola Xunta de Galicia.

As medidas para adoptar con este proxecto consistirán na reordenación de parte do interior da Escola Infantil ‘A Ceboliña’ así como do cuarto de instalacións e cadros de distribución eléctrica existentes no edificio, que despois da obra executada en 2018 quedaron incluídas dentro da superficie da Escola Infantil, aínda que corresponden ao resto do edificio municipal.

O obxectivo do proxecto actual é recuperar o uso da aula de usos múltiples (fóra de uso desde 2019 tras comprobarse que non cumpría coas medidas de seguridade e evacuación), ampliar as prazas da escola infantil ao crearse ademais unha aula adicional e volver conectar o ascensor coa área cultural do edificio. Esta instalación tamén quedou fóra de servizo tras quedar englobada dentro da E.I. en 2018 e agora volverá ser útil para o resto do edificio municipal de Rabazal.

Doutra banda, preténdese tamén a ampliación da cociña actual, do aseo de persoal, a incorporación aos espazos interiores dun novo aseo adaptado, a eliminación do patio cuberto existente en planta baixa ao cal se accede a través das escaleiras interiores e por conseguinte a eliminación destas escaleiras de acceso, o cal permitirá a ampliación do almacén.

A finalidade deste proxecto é conseguir unha mellora significativa das infraestruturas que fagan posible o desenvolvemento da actividade propia do centro cunhas mellores condicións de utilización, seguridade e flexibilidade das súas dependencias segundo as necesidades manifestadas polo persoal e o alumnado do mesmo. En definitiva, dar resposta á crecente demanda de medidas de conciliación por parte das familias miñenses, un pobo onde se instalan cada mes novas familias novas con fillas e fillos pequenos.